Friday 26 de April de 2024

22 familias solicitan praza na EIM A Rolada


A escola infantil municipal de San Sadurniño contará con alumnado do propio concello, pero tamén de Narón, Neda, As Somozas, Fene, As Pontes e Ortigueira

Nestes momentos aínda disporía de 16 prazas vacantes

O Concello de San Sadurniño acaba de resolver a adxudicación provisional de prazas na EIM A Rolada para o curso 2022-23, tras admitir un total de 22 solicitudes presentadas na súa maioría por familias de San Sadurniño, pero tamén de Narón, Neda, As Somozas, Fene, As Pontes e mesmo Ortigueira. Deste xeito, o centro disporía aínda dun total de 16 prazas distribuidas entre os seus tres niveis. A resolución da adxudicación está dispoñible no tablón de anuncios do Concello e tamén na EIM. As familias teñen 10 días naturais -ata o 20 de xuño- para presentar reclamacións e, unha vez que o listado de admisións sexa definitivo, comunicaráselles o período en que deberán confirmar a matrícula, en espera de que a Xunta publique o decreto da gratuidade de todas as escolas infantís.

A escola ten capacidade para atender 38 nenas e nenos de entre 3 meses e 3 anos de idade. Para o curso que vén admitíronse 11 solicitudes para a aula de 2 a 3 anos e 10 para a de 1 a 2, mentres que para a aula de acceso, a de 0 a 1 ano, só houbo unha petición.

O listado de solicitudes e os servizos que elixiu cada familia está publicado desde media mañá do pasado venres tanto na galería da escola infantil como no tablón de anuncios do Concello, dándo un prazo de 10 días naturais para presentar alegacións. Botando contas sae que o último día é o luns 20 de xuño, aínda que cabe agardar que non se produza ningunha petición neste sentido, posto que todas as solicitudes foron admitidas.

Con todo, se houbera algunha reclamación convocaríase a comisión de seguimento e control da EIM para resolvela e, se non, a lista elevarase a definitiva. En calquera dos dous casos, cando se publique o listado final comunicaráselles ás familias individualmente a adxudicación de praza e indicaráselles o período de matriculación.

Ao remate dese período saberase o número real de vacantes da escola para o ano que vén, posto que pode darse a circunstancia de que haxa familias que teñan solicitado máis dun centro ademais da Rolada e que despois opten por outro que lles quede máis á man.

De confirmarse todas as solicitudes tal cual se publicaron o venres, a EIM A Rolada atendería no curso 2022-2023 un total de 22 meniñas e meniños dos que 12 son membros de familias de San Sadurniño, 3 de Narón, 2 de Neda, 2 das Somozas, 1 de Fene, 1 das Pontes e 1 de Ortigueira. Datos que ratifican, un ano máis, que o centro é un dos referentes en conciliación e atención educativa á primeira infancia do rural na nosa comarca.

A EIM A Rolada disporía, polo tanto, de 16 prazas libres: 7 na das crianzas de 0 a 1 ano, 3 na de 1 a 2 anos e 6 na aula das nenas e nenos de 2 a 3 anos. Estas poderán solicitarse a partir do momento en que finalice o proceso de adxudicación que está agora en marcha, e adxudicaranse sen atender a máis requisito que a orde de entrada no rexistro municipal.

Pendentes aínda da gratuidade anunciada pola Xunta
A Xunta de Galicia anunciou hai xa varios meses que todas as escolas infantís públicas e privadas de Galicia serían gratuítas a partir do curso que vén. Porén, de momento non se publicou a orde que regulará esa gratuidade. E, mentres se agarda, o tempo e os prazos corren.

A este respecto, o alcalde, Secundino García, incidiu en que “a Rolada vai ser de balde para todas as familias usuarias”, pero que neste intre o consistorio “segue á espera da orde da Xunta que definirá a gratuidade e como ten previsto o Goberno galego compensarlles aos concellos os custes do servizo. Esperamos que a incógnita do financiamento se despexe o antes posible e que se aclaren outros aspectos antes do inicio do curso”.